PRIMEIRO.- A creación dun Consello Forestal Galego no que estean integrados todos os axentes sociais. Del sairía un órgano consultivo e representativo multisectorial, a semellanza do que ocorre nos países do noso contorno. SEGUNDO.- Un cambio na política agro-forestal, coa revision do Plan Forestal de Galicia e dos Plans de Loita Contra o Lume (INFOGA), para acadar o consenso necesario entre todos os grupos políticos e sociais, en particular dos propietarios forestais. TERCEIRO.- A creación da Fiscalia de Medio Ambiente para velar pola conservación do patrimonio natural, así como mellorar a investigación dos lumes e a coordenación das forzas da orde pública cos servizos forestais. CUARTO.- Transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios: facilitarlle á opinión pública o coñecemento da realidade, de xeito que poida reaccionar de forma positiva diante desta problemática. Emprego de satélites de teledetección para unha avaliación real do número de incendios e da superficie queimada. QUINTO.- Os equipos de extinción deben estar baixo un mando único e depender na súa totalidade da Consellaría de Medio Ambiente. A transferencia dos equipos de extinción ós Concellos produce a súa descoordenación, desprofesionalización, falta de homoxeneidade dos equipos, menor eficacia e ampliación da estrutura político-caciquil, ao non haber control na contratación nin equidade nos salarios percibidos. SEXTO.- Ordenación dos cultivos agrarios e forestais e mobilización produtiva das terras asignándollelas localizacións máis axeitadas, evitando o aumento da superficie ocupada por especies de medra rápida (eucaliptos, piñeiro “radiata”,...), ao tempo que a perda de mais Superficie Agraria Útil, parámetro no que Galiza xa ocupa o último posto da Unión Europea. Neste senso, resulta urxente elaborar plans de ordenación dos montes que contemplen os aproveitamentos agrogandeiros, compatíbeis coa existencia de matos e áreas boscosas multifuncionais. SÉTIMO.- Posta en marcha inmediata de plans de restauración e recuperación das zonas afectadas por incendios nos últimos anos. OITAVO.- Implicar na conservación e protección do patrimonio natural a todas as Consellarías do Goberno Galego e mellorar a coordenación coas Administracións públicas central e local. NOVENO.- Trasladar ao eido educativo os contidos e coñecementos ambientais e fomentar en toda a sociedade valores que favorezan comportamentos compatíbeis coa preservación e mellora do medio (campañas de concienciación e sensibilización). Formar e informar especialmente ás Comunidades propietarias de montes, promovendo o sentimento de identidade positiva entre o veciño e o monte. DÉCIMO.- Incremento dos investimentos para a prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Estabelecer sistemas de axuda económica (subvencións e exencións fiscais, etc.) para montes públicos conveniados ou privados orientados á conservación. DÉCIMO PRIMEIRO.- Fomentar a creación de emprego, así como a estabilidade das persoas que traballen en labores relacionados coa multifuncionalidade do monte, xa que resulta fundamental para acabar cos lumes a revitalización económico/demográfica do mundo rural onde se localizan as grandes superficies forestais. Cómpre tamén profesionalizar a tarefas de prevención, detección e extinción mediante creación de emprego fixo e con plans especificos de formación. DÉCIMO SEGUNDO.- Control do sector forestal centrado en aspectos como a extinción de incendios, a reforestación, o aproveitamento da madeira, a caza, o pastoreo, etc., co fin de que os seus beneficios non dependan directamente do aumento do número de incendios ou da superficie afectada. DÉCIMO TERCEIRO.- Potenciar a creación de sectores industriais e empresariais que centren o seu traballo na conservación de masas forestais e na prevención dos incendios.
|