Informe sobre superficie queimada polos lumes (05-10-04) O Comité de Defensa do Monte Galego creouse en Ourense no 2002 e a nivel galego no verán de 2003 para coordenar os esforzos de diversas organizacións ecoloxistas, sindicais, de propietarios de montes, etc, a favor dunha nova política agroforestal e de loita contra os lumes. A posición do Comité está definida de forma sintética no seu Documento de bases.
O monte é un sector
estratéxico para o desenvolvemento sutentábel de Galicia. Os incendios
causan graves prexuízos ecolóxicos, sociais e económicos. Seguen a ser un
dos principais problemas da nosa terra. Son a marea negra dos montes. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social. Por iso, o Comité demanda a creación dun Consello Forestal Galego para atinxir un amplo consenso social sobre a política agroforestal e de loita contra os lumes. O complexo e difícil problema dos incendios non pode ser reducido de xeito simplista a un problema de delincuencia ambiental, sen nada a ver coa orientación da política agroforestal, nin tampouco ser obxecto dun tratamento electoralista e partidista, como ten feito até hoxe o goberno presidido por Manuel Fraga. É posíbel e necesaria outra política agroforestal para o país. Todos e todas debemos esixila. Os incendios non son unha praga irremediábel.
NUNCA MÁIS INCENDIOS FORESTAIS!
Esta web foi creada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para o Comité de Defensa do Monte Galego |