18 de novembro de 2008. Fronte aos intentos por reabrir o "debate nuclear" na península, tentando apresentar esta enerxía con novas e enganosas roupas, ADEGA quere poñer fronte á opinión pública as verdades que agocha o lobby atómico nas súas campañas. A enerxía nuclear constitúe un perigo que debemos rexeitar non só no noso país, mais tamén como opción enerxética a nível mundial, polo que implica de contaminación transfronteiriza e de perigo xeralizado. A información faise imprescindíbel para a toma de decisións e artellar unha implicación social na defensa da Terra e do noso territorio. Un artigo de Adela Figueroa, Presidenta de ADEGA |
|
A Cañiza, 14 de novembro de 2008. ADEGA fixo esta mañán entrega no concello da Cañiza dunha petición asinada por mais de 3500 cidadáns residentes na comarca do Condado e da Paradanta. Nela os asinantes pídenlle ao alcalde da Cañiza, o popular César Mera, que poña fin os vertidos ilegais que dende hai anos están a contaminar gravemente os ríos Deva e Ribadil. |
|
14 de novembro de 2008. ADEGA solicita á administración, empresas e cidadáns control no consumo. Até fai ben pouco tempo, decembro traía o Nadal, pero nos últimos anos toda a parafernalia que vai asociada a estas festas adiántase cada vez máis, e cara finais de novembro aparecen xa os primeiros sinais. Este ano, a finais de outubro, cando moitas persoas aínda non probamos as castañas, xa había polvoróns, turróns e mazapáns nos andeis de moitos supermercados, e na primeira semana de novembro xa temos ofertas especiais de xoguetes. A nosa sociedade xa de por si consumista, convírtese nestas datas nunha sociedade hiperconsumista, depredadora dos recursos do planeta, sen percibir que estes son limitados e que deben ser xestionados como tal. |
|
Lugo, 13 de novembro 2008. ADEGA ven de apresentar en Lugo a CAMPAÑA POLA SAÚDE DOS RÍOS GALEGOS que tenta achegar posturas de cara á concienciación pública pola conservación e recuperación dos ríos galegos, particularmente cos concellos, pescadores e demáis colectivos locais. No sector máis concienciado da sociedade galega hai arestora unha fonda preocupación polo estado en que se atopan os ríos do país. Con só mirar uns poucos anos atrás podémonos decatar do deterioro sofrido por tantos cursos fluviais, hoxe canalisados ou convertidos en cañeiras a ceo aberto. Dentro desta campaña, haberá charlas e reunións por todo o país, alén dun CONCURSO FOTOGRÁFICO. Participa! |
|
Ordes, 13 de novembro de 2008. ADEGA ven de celebrar onte unha asemblea dos socios/as da Delegación de Ordes-Cerceda na que se escolleu unha nova Xunta Directiva. A delegación de ADEGA na comarca de Ordes-Cerceda constiuiuse hai xa 8 anos e agora vese reforzada coa incorporación de novos as socios/as, nomeadamente de Ordes. Os concellos que formarán parte da nova delegación ampliada son: Carral, Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Trazo, e Tordoia. Dende ADEGA-nacional animamos a toda a veciñanza da comarca a participar nas actividades da delegación e tentar solucionar os seus graves problemas ambientais. |
|
12 de novembro de 2008. A recente morte de dous soldados en Afganistán, un deles galego, nun ataque no que resultaron feridos outros militares, debería reabrir o debate público sobre se as tropas deben permanecer naquel país. ADEGA lamenta tan tráxico suceso e expresa a súa dor pola morte de 88 soldad@s no conflito afgán, 17 deles galeg@s. Agardamos que estes feitos fagan reflexionar ao governo español e retire as tropas, xa que a realidade está a demonstrar que, contrariamente ao manifestado por Defensa, trátase dunha guerra aberta e non dunha simples misión "humanitaria".
|
|
Oleiros-Bande, 8 e 9 de novembro de 2008. ADEGA e o CEIDA (Centro de extensión e divulgación ambiental de Galicia) conseguiron reunir máis dun cento de persoas interesadas en coñecer e debater sobre o futuro do lobo en Galiza e sobre o Plano de Xestión que vai impulsar a Xunta proximamente, aínda que se botou en falla a presenza dos responsábeis políticos na materia, que legaron a representación no persoal técnico. |
|
10 de novembro de 2008. Diante da inminente resolución do concurso eólico, dende ADEGA queremos manifestar a nosa desaprobación pola falta de participación e transparencia na elaboración do novo Plano Sectorial Eólico tramitado pola Consellaría de Industria. Alén da mera tramitación administrativa, non existiu un proceso previo de consulta e debate cos sectores afectados e que representan intereses moi variados (comunidades de montes, concellos, sector turístico, empresas, colectivos ecoloxistas e de defensa do patrimonio, etc.) para concordar un novo modelo de desenvolvimento eólico para Galiza. Alegacións PLANO EÓLICO (32 KB) |
|
Compostela, 7 de novembro de 2008. Denunciamos a interesada e fraudulenta concesión de axudas públicas a asociacións "monicreque". ADEGA e APDR (integradas na FEG) así como a CEMMA (7 colectivos) e ERVA, queremos amosar publicamente o noso malestar coa Consellaría de Medio Ambiente, e a preocupación pola política de intento de control que o conselleiro Manuel Vázquez pretende levar a cabo co movimento ecoloxista galego, nomeadamente através da política de subvencións. |
|
|